Ruta do Modernismo

O modernismo foi unha corrente de renovación artística, xurdida e desenvolvida no ámbito arquitectónico entre a última década do século XIX e as dúas primeiras do século XX. Foi un movemento cultural nacido do entusiasmo excepcional polo estético, en consonancia coa teoría burguesa da “arte pola arte” e por inserir a arte no conxunto da vida social. Presentouse como unha rebeldía fronte á progresiva industrialización, configurándose como un contrapunto ao embrutecemento e deshumanización que ía supoñer a produción industrial en cadea e a fabricación masiva de obxectos en serie. O modernismo ten pinceladas de movemento: romántico, individual e anti-histórico abarcando aspectos estéticos, artísticos e literarios. O modernismo estendeuse por toda Europa adoptando formas e peculiaridades nacionais: en Francia e Bélxica, o Art Nouveau, en Inglaterra ,o Modern Style, en Italia, o Liberty ou Floreale, en Alemaña, o Jugendstil e en Austria, a Sezession. A influencia do modernismo propágase tanto sobre as artes maiores -arquitectura, escultura e pintura- como sobre as artes aplicadas e as decorativas. A súa principal característica é a aproximación á natureza, tanto ao mundo animal como ao vexetal. A natureza convértese en fonte permanente de inspiración. Outra característica primaria, no modernismo, é a adopción de métodos de traballo e elaboración artesanal, ao estilo e metodoloxía dos métodos medievais. Iso dará orixe, na arquitectura modernista, a unha importante colaboración dos artistas e artesáns cos arquitectos. O contraste de nivel de perfeccionismo entre a obra modernista executada e os planos, en base os cales se fixeron as obras, demostra a innegable intervención de artistas e artesáns no embelecemento da obra arquitectónica modernista. Nalgunhas ocasións os artistas e artesáns están identificados, outras veces a súa achega é silenciosa e realízase desde un inxusto anonimato. A arquitectura modernista en Ferrol ten o seu máximo expoñente en Rodolfo Ucha Piñeiro, considerado como un dos máis importantes arquitectos galegos do século XX. Nacido na cidade de Vigo en 1882, trasladouse de neno a Ferrol. Cursou os seus estudos na Escola de Arquitectura de Madrid e obtén o título en 1906. Como arquitecto municipal de Ferrol (1909-1936) desenvolve a maior parte da súa obra, destacando especialmente no Modernismo e no Eclecticismo. Dedicouse á arquitectura ata a idade de 92 anos e faleceu na cidade de Ferrol en 1981.

Para descubriren esta arquitectura, que cambiou a fisionomía de Ferrol, e gozaren dos distintos aspectos que compoñen o seu estilo, propoñémoslles unha ruta coa que apreciar uns edificios que son auténticas xoias. O modernismo incorpora novos materiais construtivos, como o ferro fundido e o cemento, creando rechamantes galerías e miradoiros, con decoracións xeométricas e naturalistas de elaborado deseño, cheas de cor. O seu estilo artesanal e creativo, contrario á estandarización, sorpréndenos en cada edificio.