Ruta da Ilustración

A primeira mención que se ten de Ferrol como vila corresponde ao ano 1089, mencionada como freguesía baixo a advocación de San Xulián. O pobo de Ferrol vaise consolidando ao longo dos séculos e irá aumentando en tamaño e importancia. Posúe unha poboación que se dedica sobre todo á pesca, incluída a de baleas, pero fundamentalmente á da sardiña, o que a leva tamén a desenvolver fábricas de salgadura. O comercio comeza a cobrar unha función de vital importancia, sobre todo as transaccións con Francia, Flandes e Inglaterra.

No século XIV Ferrol pasa a ser señorío dos Andrade, distinción que se manterá, ata o século XVIII, cando o Conde de Lemos lle vende a vila á Coroa Española. Durante a época medieval, Ferrol soportará incidentes significativos que irán transformando a vila: problemas co señor de Andrade, as guerras, cos seus recrutamentos forzosos, a peste… O núcleo poboacional de Ferrol ocupaba toda a fachada marítima do oeste do territorio, cunha interesante disposición urbanística. Pero un voraz incendio arruinou a vila en1568, destruíndo a maior parte dos edificios; das 400 casas existentes, quéimanse 370.

Por aquel entón, o porto de Ferrol comezou a adquirir unha importancia relevante, xa que era utilizado pola Armada Española para abrigar os seus barcos.

Algúns historiadores cualificábano como un dos portos máis protexidos e seguros do mundo. Por esa razón, a finais do século XVI, Felipe II decide que a ría de Ferrol sexa utilizada como base para a Armada Real. Este feito produce un cambio vital na economía da vila, xa que a Armada necesita utensilios, madeira para construír barcos, velas, aloxamento e comida para os soldados. O Rei atende entón as peticións dos veciños e concédelle á cidade permiso para a celebración dunha feira e a creación da fábrica de biscoitos.

A comezos do século XVIII, efectúase a división das costas españolas en tres Departamentos. Ferrol é nomeada capital do Departamento Marítimo do Norte. Felipe V ordena establecer entón o Real Arsenal e o Estaleiro na pequena aldea da Graña. O lugar está situado preto da entrada de ría, na súa marxe dereita e alí comezaron a construírse os primeiros navíos. Máis tarde, Fernando VI ordena a ampliación daquelas instalacións co emprazamento dun gran estaleiro, dedicado case exclusivamente á construción de barcos para a Armada.

Elixe como lugar máis apropiado, o monte de Esteiro, que se atopa máis dentro da ría, na vila de Ferrol. Constrúese en primeiro lugar o “apostolado”; doce gradas, desde onde se realiza a rápida botadura da que se considera como a primeira serie de navíos: “os doce apóstolos”. Nace así o Porto Ideal da Ilustración; denominación coa que Ferrol aspira ao seu recoñecemento como Patrimonio Mundial.

A mediados do S.XVIII houbo unha gran transformación, no que se refire ao aspecto demográfico da vila; en 1752, segundo o Censo de Ensenada, Ferrol contaba cuns 2.000 habitantes. No reconto de 1797 a cifra alcanza os 25.000.

As dimensións do estaleiro ferrolán supoñían a necesidade de numerosa man de obra, que non podía satisfacerse só cos veciños da comarca. A Administración ofertoulles entón interesantes condicións económicas aos súbditos que decidisen traballar nas reais obras e ao mesmo tempo, as autoridades forzaron a moitos individuos co recrutamento de presidiarios, vagos e maleantes para cubrir os traballos máis duros.

Pero non só chegaron obreiros á incipiente cidade, senón tamén autoridades, oficiais de Mariña, funcionarios da Administración, artesáns, comerciantes… que pronto saturaron a capacidade de aloxamento.

Para resolver o problema demográfico, no reinado de Carlos III, xorde o proxecto de construción dun gran barrio residencial, que serviría como nexo de unión entre Ferrol Vello e Esteiro.

Trátase do Barrio da Magdalena. Para iso procédese á expropiación e compra dos terreos aos seus donos, fundamentalmente o Cabido de Mondoñedo, D. José Mª Bermúdez Pardiñas-Villardefrancos e o Conde de Lemos. Iníciase despois a súa organización, deseño e construción, cunha estrutura harmonicamente parcelada. A disposición está formada por módulos de idénticas dimensións, delimitados por seis rúas lonxitudinais paralelas, e outras oito transversais, tamén paralelas entre si e perpendiculares ás primeiras. Dúas amplas prazas cadradas, simetricamente situadas, realzan a orde e o equilibrio do conxunto.

En 1769, empréndese a fortificación da cidade, construíndose un groso muro defensivo que a rodeaba completamente. Pola parte de terra, a muralla estaba reforzada con varios baluartes.

Para mellorar a defensa por mar, ordenouse a reforma e ampliación dos castelos-bastión de San Felipe, na marxe dereita, e da Palma na ribeira esquerda, engadindo algunhas baterías de potentes canóns a cada banda.

O FERROL DA ILUSTRACIÓN

Os historiadores definen a Ilustración como o movemento filosófico que se desenvolveu en Europa, desde finais do século XVII ata case a metade do século XIX, que trataba de establecer o predominio da razón como base de todas as actividades humanas.

A influencia da Ilustración chegou tamén a España e a Galicia, e no caso de Ferrol - que se estaba construíndo naquela época - foi determinante para a harmoniosa morfoloxía urbana dos barrios de Esteiro e da Magdalena e para a pegada monumental das importantes fortificacións e construcións militares. No século XVIII, Carlos III aprobou o plan racionalista do Barrio da Magdalena ou novo Ferrol. Este novo barrio serviría de enlace entre o antigo núcleo de poboación - Ferrol Vello - , onde residía, desde había séculos, a poboación ferrolá e as súas elites, e a zona máis recentemente construída, Esteiro, onde se estableceu a maioría dos novos habitantes chegados para construír os arsenais.

E así, en Ferrol lévase a cabo una das propostas urbanísticas máis interesantes da Europa da época. A súa construción débese aos mesmos enxeñeiros e arquitectos militares que construíron o Arsenal e o estaleiro real de Esteiro.

O trazado das rúas da Magdalena é un rectángulo perfecto, en forma de táboa de chocolate rematado nos seus extremos, por dúas grandes prazas. O Barrio da Magdalena é Conxunto Histórico Artístico desde 1984 e parte dos seus bens figuran na candidatura de Ferrol para ser "Patrimonio da Humanidade".